martes, 3 de febrero de 2009

A CORAL APADRIÑA UNHA NOVA CORAL LUCENSE



O pasado venres, 30 de xaneiro, a Coral Polifónica de Ribadeo ofreceu un concerto no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo, concerto que serviu para apadriñar á Coral “Asociación Amigos del Camino de Santiago” da capital.
O acto, presentado por Xulio Xiz e organizado pola “Asociación de Amigos del Camino de Santiago de la Provincia de Lugo”, tivo dúas partes:
Na primeira actuou a Coral Polifónica de Ribadeo, que ofreceu un variado repertorio no que se mesturaban pezas clásicas como Tourdion e Panis Angelicus con outras como Negro Bembón ou Moon River, sen esquecer as xa emblemáticas da coral como Te quiero ou Yo te diré. A coral estreou, nesta ocasión, a peza galega “Lela”.
Na segunda parte actuou a coral anfitriona, dirixida por Miguel Basanta, profesor que foi da escola de música de Ribadeo estes dous últimos anos. A nova coral lucense, que comezou a súa andaina musical no ano 2006, ofreceu un concerto centrado en pezas renacentistas para rematar con dúas populares.
A continuación, fixéronse, por parte de ámbolos dous presidentes, os acostumados intercambios de obsequios e as mutuas palabras de agradecemento soaron na rexia sala.
Hai que sinalar que esta foi a primeira vez que a nosa coral actuaba neste prestixioso escenario. O “Encuentro de Corales del Camino de Santiago” rematou coa interpretación conxunta de “Benedicat vobis”, baixo a dirección de Mª Carmen Rodríguez Cancelo, directora da Coral polifónica de Ribadeo.
A coral foi felicitada efusivamente, tanto pola súa actuación como polo programa escollido, o que a anima para seguir por este camiño, mesturando o disfrute coa esixencia dos ensaios e o compromiso persoal de cada un dos seus compoñentes.