viernes, 18 de diciembre de 2009

A FUNDACIÓN INICIATIVAS 21 RECOÑECE O TRABALLO DA NOSA DIRECTORA

A Fundacíón "Iniciativas 21" de Santiago de Compostela vén de facer pública a V Edición dos premios "21 mulleres galegas, 21 historias cotiás", sendo a nosa directora, Mª Carmen Rodríguez Cancelo, unha das elixidas.
Con estes premios, a Fundación quere recoñecer o traballo e a traxectoria vital de 21 mulleres galegas, pertencentes a sectores diversos da sociedade, que dalgún xeito desempeñan ou desempeñaron un labor importante para a sociedade.
O acto de entrega dos devanditos premios terá lugar o próximo domingo, 20 de decembro, ás 12 horas no Teatro Colón Caixa Galicia de A Coruña.
Tódolos coralistas nos felicitamos por este recoñecemento e amosámoslle, á nosa directora, o noso agarimo.

sábado, 28 de noviembre de 2009

CELEBRACIÓN DE SANTA CECILIA

O pasado domingo, 22 de novembro, a Coral celebrou o día da súa patrona, Santa Cecilia, cunha misa na Igrexa Parroquial na que se interpretaron, entre outras obras, "Te Deum" de Ennio Morricone e o espiritual "I'm gonna sing".

A continuación, coralistas, membros de honor, familiares, amigos e representantes do Concello asistiron a unha comida no Parador de Turismo, no transcurso da cal se homenaxeou á súa directora, Mª Carmen Rodríguez Cancelo, ó cumplírense 25 anos na dirección da Coral. Unha medalla por parte do Concello e un broche de ouro, zafiros e rubíes coa insignia da Coral por parte dos coralistas foron os agasallos que, entre outros máis emotivos, se lle fixeron á directora, quen, pola súa parte, agasallou tamén a cada un dos coralistas cun pequeno detalle, en lembranza deste día.

A Coral ultima xa os preparativos para o concerto que ofrecerá, o próximo 6 de decembro, no Teatro Cidade de Marbella, do que reproducimos o cartel anunciador:






martes, 3 de noviembre de 2009

actuación en León. Viaxe a Marbella


Despois da actuación en León
A CORAL POLIFÓNICA PREPARA A VIAXE A MARBELLA
Antes celebrarán a festividade de Sta Cecilia.

O pasado día 24 de outubro, a Coral participou no Encontro Coral que, organizado pola Coral Torreblanca, se celebrou na Igrexa de San Martín, no centro da capital leonesa.
Acompañaron á Coral, a Polifónica Bembibrense e a anfitriona Coral Torreblanca.
O moitísimo público que se deu cita na Igrexa, a pesares doutros importantísimos concertos que a mesma hora se estaban a celebrar, aplaudiu con entusiasmo tódalas interpretacións, que conformaron un concerto moi variado, tanto polas pezas elixidas por cada unha das corais como pola posta en escena das mesmas.
A Coral de Ribadeo, que pechou coa súa actuación o Encontro, interpretou un programa de cinco pezas, similar ós que vén ofrecendo nestas xuntanzas corais. Foron especialmente aplaudidas a pandeirada, “Te quiero” e o “Coro de barquilleros”. Ó remate tódalas corais interpretaron xuntas o tema “Viva la montaña”.
A Coral , que foi moi felicitada por coralistas e público, aproveitou o día seguinte para visitar a cidade. Posiblemente regrese á capital leonesa no vindeiro ano, a cantar unha misa na Catedral, aceptando a invitación feita polo director leonés.

VIAXE A MARBELLA
Para os próximos días 5,6 e 7 de decembro está prevista a viaxe da Coral a Marbella, que actuará no teatro Cidade de Marbella, o domingo, día 6, ás 8 da tarde.
A Coral está a preparar xa este concerto no que, baixo o título “Camiños de estrelas” en referencia ó Xacobeo 2010, se interpretarán 14 temas, de música clásica e relixiosa, popular galega, temas hispanoamericanos e zarzuela.
O concerto está patrocinado pola Fundación José Banús, que preside o ribadense Cándido Fernández Ledo e forma parte da programación cultural da cidade de Marbella.

domingo, 18 de octubre de 2009

ACTUACIÓN EN LEÓN

O próximo sábado, 24 de outubro, a Coral actuará na cidade de León, invitada pola Coral Torreblanca.
O concerto terá lugar na igrexa de San Martín, ás 8.30 da tarde.
Acompañarán á Coral de Ribadeo, a Coral anfitriona e a Coral de Bembibre.

miércoles, 16 de septiembre de 2009

Próximas actuacións

A Coral viaxará o próximo sábado, 19 de setembro, a Gijón, para actuar na parroquia de San Nicolás de Bari (El Coto) ás sete e media da tarde.
A Coral cantará xunto ás corais de Cangas e de Portugalete.
A actuación en León, prevista para o 17 de outubro, trasládase ó sábado seguinte, 24 de outubro.

XV festival de habaneras "Ría de Ribadeo"



O XV Festival de Habaneras “ Ría de Ribadeo”, que se celebrou na tarde do pasado día 29 de agosto, volveu ser, un ano máis, todo un éxito e unha cita esperada e de referencia no verán ribadense.
O Auditorio volveu quedar pequeno para acoller ó moito público que, con máis dunha hora de antelación, agardaba a que se abrira o recinto.
As corais “Torreblanca” de León, “San Félix” de Lugones e a Coral Polifónica de Ribadeo interpretaron dende as habaneras tradicionais como “El abanico”, “La reina del placer”, “Con sabor tropical” a outras máis locais como “Rosina” ou a ribadense “El Peregrino”, sendo especialmente aplaudidas as cancións hispanoamericanas “Alma, corazón y vida”, “Canción con todos” e sobre todo “El cóndor pasa”.
Como remate do festival , e despois da entrega de obsequios de mans do alcalde do Excmo. Concello, as tres corais interpretaron, coa participación do público, a esperada habanera “Yo quiero ser marinero”, un final xa tradicional, dende hai uns anos, pero sempre emotivo e cálido.
A Coral, organizadora deste festival, síntese satisfeita e agradecida pola acollida que ano a ano ten este certame, a pesares dos inevitables problemas que supón a falta de espacio e a imposibilidade de ofrecer máis comodidade a tanto público afeccionado ás habaneras.

miércoles, 2 de septiembre de 2009

ZARZUELA E OUTRAS MÚSICAS



De éxito rotundo, a xulgar pola entrada, acollida e crítica do público, se pode calificar o concerto que a Coral ofreceu o día de san Roque no Teatro de Ribadeo.
Despois de máis de dúas décadas sen actuar nese entrañable local, que vira nacer á Coral no ano 1955, o Teatro recobrou con esta actuación a vitalidade musical que outrora tivera como centro da vida cultural e musical ribadense.
O concerto, coa música popular como fío conductor, dividiuse en dúas partes: a primeira, que se abriu coa danza francesa do século XV "Tourdion", estivo composta por pezas de música galega, portuguesa e cubana; a segunda parte estivo adicada a zarzuela, na que se cantaron cinco pezas deste popular xénero musical ademais do chotis "Madrid".
Se a primeira parte foi moi aplaudida, os aplausos e vítores do público redobráronse o comezo da segunda, e así ata rematar o concerto.
A Coral, nesta ocasión case ó completo, con 50 voces no escenario, ofreceu ó público o resultado do seu traballo no que se notaba o seu entusiasmo e amor a música coral,e o público recoñeceu a súa entrega, esforzo e bo facer.
O concerto, que contou coa participación do Coro Sagrado Corazón na interpretación, sempre emocionante, de Halelujah de Leonard Cohen,quedará no recordo dos coralistas polo cheo absoluto do teatro, pola interpretación e,sobre todo, pola cálida acollida dun público entregado e emocionado
.

jueves, 6 de agosto de 2009

Luz Negra: Tirri Tarra e Coral Polifónica de Ribadeo

Este é un fragmento da peza "Sin Palabras" que forma parte do video que recolle o concerto ofrecido en Ribadeo, o 24 de agosto de 2008.

"Luz Negra", obra á que pertence este fragmento é unha composición orixinal de Sergio Zurutuza



sábado, 11 de julio de 2009

PRÓXIMAS ACTUACIÓNS

AGOSTO:
Día 16: Ribadeo. Concerto de verán.
Día 22: Oleiros (A Coruña).
Día 29: Ribadeo. Festival de Habaneras.

SETEMBRO:
Día 8: Ribadeo. Misa da Patrona.
Día 19: Gijón.

OUTUBRO:
Día 17: León.

ACTUACIÓNS EN VALDOVIÑO E VIGO

A Coral pechou este primeiro semestre do ano coas actuacións en Valdoviño, o 13 de xuño, e en Vigo, o día 27, ademais da misa de Corpus, o día 14 en Ribadeo, tal e como estaba previsto.
O concerto en Valdoviño, enmarcado dentro da XXII Mostra de Canción Coral, foi un éxito, tanto pola satisfación dos propios coralistas como pola acollida do público a cada unha das pezas interpretadas e as moitas felicitacións recibidas ó remate da actuación. A Mostra contou coa participación doutras catro corais: Baión, Viana do Bolo, San Vicente de la Barquera e a coral anfitriona.
No auditorio do Centro Cultural Caixanova de Vigo, a Coral compartiu escenario coas Corais de Bueu e URECA de Vigo. organizadora do Encontro.As Corais ofreceron un repertorio case exclusivamente en galego e remataron cantando conxuntamente dúas pezas.
Remata este semestre con nove actuacións e a Coral está xa a preparar as próximas citas para o mes de agosto e para o outono.

domingo, 7 de junio de 2009

CELEBROUSE O II FESTIVAL CORAL XUVENIL


Con grande éxito, celebrouse, o pasado 23 de maio, o II Festival Coral Xuvenil, no Auditorio Municipal, organizado pola Coral Polifónica de Ribadeo, co patrocinio de FECOGA e a colaboración da Delegación de Cultura do Concello de Ribadeo.
Os coros de o Freixo (Outes-Noia) e Baión (Vilanova de Arousa), xunto ó anfitrión, o coro Sagrado Corazón, ofreceron ó público repertorios diferentes que conformaron unha variada mostra de cantos populares e modernos, a capella e con acompañamento instrumental, ós que, o numeroso público asistente, respondeu con cálidos aplausos.
O festival, presentado por Marta Castelao (membro da Coral Polifónica), contou tamén coa proxección de imaxes que acompañaron a cada unha das pezas interpretadas (traballo informático realizado pola profesora Begoña Sanjurjo) e que deron ó festival outra perspectiva.
Ó remate das 15 pezas interpretadas en total, a directora da Coral Polifónica e do coro Sagrado Corazón entregou, os coros invitados, unha peza de cerámica de Sargadelos, alegoría da árbore da vida.
O festival rematou coa interpretación conxunta dos tres coros da canción “Adelante”.
Os obxectivos desta xuntanza coral xuvenil quedaron totalmente alcanzados, tanto no que se refire a resposta do público como ó feito musical en si mesmo.
Queremos agradecer a todos os que colaboraron para que este festival puidera realizarse e desexamos que teña continuidade nos vindeiros anos polo futuro da música coral

miércoles, 20 de mayo de 2009

II FESTIVAL CORAL XUVENIL


O próximo sábado, 23 de maio, ás oito da tarde, no Auditorio municipal de Ribadeo, celebrarase o “II Festival Coral Xuvenil”.
Patrocinado por FE.CO.GA. e organizado pola Coral Polifónica, coa colaboración do Concello de Ribadeo, contará nesta ocasión co Coro Xuvenil Cantigas do Castro de Baión (Vilanova de Arousa), Coral Xuvenil Solpor, de Outes (A Coruña) e o Coro Sagrado Corazón, anfitrión da xuntanza e que é colaborador e canteira da Coral Polifónica.
O repertorio que ofrecerán inclúe cancións populares galegas, temas de películas e mesmo cancións de música moderna.
Este festival pretende amosar ó público en xeral, a música feita polos rapaces, valorando esta actividade como unha oferta cultural máis e non cinguida exclusivamente ó ámbito escolar, e intentando fomentar nos xóvenes o gusto pola música coral para que sexan eles os continuadores desta actividade musical tan arraigada na nosa cultura.

domingo, 26 de abril de 2009

ACTUACIÓNS EN MAIO

- 2 de maio: no Teatro de Ribadeo, a Coral participará no acto de presentación do libro "Con Leopoldo Calvo-Sotelo en Ribadeo", acto que forma parte da homenaxe que o pobo de Ribadeo lle vai ofrecer neses días. A Coral pechará o acto cun pequeno concerto de habaneras no que estreará dúas obras preparadas especialmente para esta ocasión.
- 10 de maio: no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, a Coral está invitada ó acto oficial de conmemoración do XXV aniversario da Coral Polifónica Alborada, en lembranza do concerto de presentación de dita Coral que fora apadriñada, no seu día, pola Coral Polifónica de Ribadeo.

jueves, 23 de abril de 2009

SEMANA SANTA

A Coral rematou as súas actuacións de Semana Santa co concerto e misa de Pascua, ofrecidos na Basílica de San Martiño o Sábado Santo.
A esta actuación hai que engadir as realizadas en Ribadeo: o concerto no Pregón e a misa do Xoves Santo, como xa é costume. O repertorio ofrecido, exclusivamente relixioso, viuse ampliado coa estrea do espiritual "I'm gonna sing".
Tres novas voces femininas se incorporaron á Coral, voces que se veñen a sumar ás oito que o fixeron ó longo dos dous últimos anos, todas elas procedentes do Coro Sagrado Corazón.

domingo, 15 de marzo de 2009

PRÓXIMAS ACTUACIÓNS

Ribadeo:
Pregón de Semana Santa , 4 de abril
Misa do Xoves Santo , 9 de abril
San Martiño:
Misa de Pascua e Concerto , 11 de abril
Valdoviño:
Concerto , 13 de xuño
Vigo:
Concerto , 27 de xuño

martes, 3 de febrero de 2009

A CORAL APADRIÑA UNHA NOVA CORAL LUCENSE



O pasado venres, 30 de xaneiro, a Coral Polifónica de Ribadeo ofreceu un concerto no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo, concerto que serviu para apadriñar á Coral “Asociación Amigos del Camino de Santiago” da capital.
O acto, presentado por Xulio Xiz e organizado pola “Asociación de Amigos del Camino de Santiago de la Provincia de Lugo”, tivo dúas partes:
Na primeira actuou a Coral Polifónica de Ribadeo, que ofreceu un variado repertorio no que se mesturaban pezas clásicas como Tourdion e Panis Angelicus con outras como Negro Bembón ou Moon River, sen esquecer as xa emblemáticas da coral como Te quiero ou Yo te diré. A coral estreou, nesta ocasión, a peza galega “Lela”.
Na segunda parte actuou a coral anfitriona, dirixida por Miguel Basanta, profesor que foi da escola de música de Ribadeo estes dous últimos anos. A nova coral lucense, que comezou a súa andaina musical no ano 2006, ofreceu un concerto centrado en pezas renacentistas para rematar con dúas populares.
A continuación, fixéronse, por parte de ámbolos dous presidentes, os acostumados intercambios de obsequios e as mutuas palabras de agradecemento soaron na rexia sala.
Hai que sinalar que esta foi a primeira vez que a nosa coral actuaba neste prestixioso escenario. O “Encuentro de Corales del Camino de Santiago” rematou coa interpretación conxunta de “Benedicat vobis”, baixo a dirección de Mª Carmen Rodríguez Cancelo, directora da Coral polifónica de Ribadeo.
A coral foi felicitada efusivamente, tanto pola súa actuación como polo programa escollido, o que a anima para seguir por este camiño, mesturando o disfrute coa esixencia dos ensaios e o compromiso persoal de cada un dos seus compoñentes.

sábado, 10 de enero de 2009

Memoria do ano 2008

MEMORIA DO ANO 2008
As actuacións empezaron, para a Coral, en marzo, co Concerto de Semana Santa, acompañados nesta ocasión pola Orquestra de Cámara de Xove. Tras varias conversas, o director da orquestra aceptou a invitación e, despois de 2 ensaios conxuntos, en Xove e Ribadeo, puido levarse a cabo o concerto, satisfacendo así o desexo dos coralistas de volver interpretar o Aleluia do Mesías .As obras interpretadas, clásicas xa dentro do repertorio da coral, adquiriron outros matices: grandiosidade e emotividade na interpretación que trascenderon dende os intérpretes ó público.Ó igual que o ano anterior, o Coro Sagrado Corazón colaborou na interpretación do Panis Angelicus.
Seguiron a este concerto, as actuacións no XVII Encontro Coral de Habaneras de Avilés e a participación na Semana Cultural da Escola de Idiomas de Ribadeo, para a que se escolleu un programa con pezas en alemán, italiano, francés, inglés e portugués.

O mes de maio iniciouse coa actuación en Burela, dentro dos actos do XX Aniversario e Festival das Letras Galegas. O inesperado falecemento de Leopoldo Calvo- Sotelo, obrigou á Coral a preparar, en domingo, unha misa solemne, atendendo ós desexos musicais da familia, desexos que reflectían os gustos de D. Leopoldo, gran melómano e Membro de Honor da Coral. A “Negra sombra”, ó órgano, marcou o inicio do funeral, á que seguiron o Coral da cantata 147, “Réquiem” de Bruno Coulais, un fragmento da Sinfonía do Novo Mundo, “Ave verum corpus” e o Santus e Agnus da Misa Breve de Schubert. Ó remate da cerimonia soou, por expreso desexo da familia, a habanera ribadense “El peregrino”, que fillos e netos tarareaban “sotto voce” mentres abandonaban a igrexa, amosando a súa emoción e agradecemento á Coral que os despedía, en silencio, dende o coro.
Invitada polo Orfeón Logroñés, a Coral actúa o 17 de maio no Auditorio Municipal de Logroño, dentro do XXVI Ciclo de Música Coral, programado, para todo o mes, por Cultural Rioja e o propio Orfeón.

Remata musicalmente maio co I Festival Coral Xuvenil que, patrocinado por FECOGA e organizado pola coral, reúne, no Auditorio, á Coral Xuntanza Xove de Meis e ó Coro Sagrado Corazón.O festival cumpriu con todas as expectativas que del se esperaban: éxito de público, popularización do canto coral dos rapaces e xornada festiva e de convivencia arredor da música. O desexo da Directiva é continuar e mesmo institucionalizar este festival, para que sirva de aliciente ós rapaces e os anime a integrarse nos nosos coros e crear, deste xeito, unha base de futuros coralistas.

O verán, que comezou coa participación no VII Encuentro Coral en Luarca, o 29 de xuño, estivo dedicado a ensaiar, moito máis do habitual, o concerto que a Coral ofrecería co grupo Tirritarra e que marcou, pola súa espectacularidade, o verán musical ribadense. A Coral, nembargantes, non esqueceu outros compromisos: clausurou a Semana Náutica cun concerto no peirao de Porcillán e organizou o XIV Festival de Habaneras “Ría de Ribadeo”.Nun escenario ambientado para a ocasión por Belén e Mariposa Cociña, as corais de Cudillero, Mugardos e Ribadeo deleitaron ó público, que espera ansioso cada ano este festival e que enchía totalmente, como de costume, o Auditorio ribadense. Habaneras, boleros, sons cubanos e mesmo unha milonga soaron a noite de San Roque, evocando nos presentes outros tempos, outras lembranzas e outras paisaxes. A Coral estreou, nesta ocasión, as pezas “Negro bembón” e “ Canción con todos” e soou tamén a milonga “Insomnio”( na voz da solista Gloria Rguez.), con letra de El Viejo Pancho e popularizada no seu día por Carlos Gardel, que fora estreada o ano pasado, con motivo dos actos dedicados ó poeta ribadense.
A asociación “Amigos del Eo” homenaxeou a Coral o 23 de agosto, en virtude dos méritos que a avalaban para este recoñemento: a concesión da Medalla de Ouro do Concello, o nomeamento de “Lucense do Ano 2005”, e o ser considerada como a principal embaixadora artística da Ría ó longo de 53 anos, segundo o consideraron os membros da citada asociación. A Coral sumábase así a unha longa lista de personalidades e colectivos homenaxeados, que se iniciara no ano 1953. Durante a comida, que reuniu no Parador a representantes das 4 vilas do entorno da Ría (Castropol, Figueiras,Vegadeo e Ribadeo), coralistas e amigos, un representante de cada vila glosou os méritos da Coral para ser merecente desta distinción, palabras de eloxio que foron agradecidas polo presidente e directora da Coral e que remataron coa interpretación de 3 pezas: “A despedida”, “Cantar de mozos” e “Yo quiero ser marinero”, escollidas, cada unha delas, especialmente para a ocasión. Antes de rematar o acto, proxectouse unha película do día da inauguración do Monumento ó Gaiteiro, gravada por Carlos Díaz Suárez, documento sonoro que fixo lembrar ós presentes a amigos, veciños e vivencias de moitos anos atrás.
O día 24 de agosto, o grupo Tirritarra, a orquestra SottoVoce e a Coral ofreceron o espectáculo “Luz Negra”, un orixinal concerto de luz e son, no que se uniron o rock sinfónico, a música electrónica e as voces. A iniciativa, que contou co apoio de Caixa Nova e o Concello, culminou un proxecto de longas negociacións e duros ensaios. A expectación xerada ante o concerto, a resposta multitudinaria do público e o disfrute, tanto dos intérpretes como dos espectadores, foron motivos máis que suficientes para calificar o espectáculo de éxito total. Se a esto se unen a experiencia que supuxo para os coralistas unha obra destas características e as relacións de amizade musical que se produciron durante o tempo de preparación, o resultado non puido ser máis fructífero e gratificante.

O outono resúmese en 3 concertos. O primeiro foi a celebración do X Aniversario da Coral Sta. Mª de Cambre, o 8 de novembro, nesta vila coruñesa, onde a coral compartiu escenario, ademais da anfitriona, co grupo coral Oasis, de Anadia (Portugal).
O concerto de Sta. Cecilia , o 22 de novembro, contou, nesta ocasión, coa participación do Coro Sgdo.Corazón e da propia coral.Destacar deste concerto a interpretación do “Himno al vino” que non fora estreado aínda en Ribadeo e que foi coreado polas palmas do público asistente, sobre todo dos rapaces cantores, e que houbo que repetir.Tamén, como é costume, cantouse a misa do domingo 23
na honra da patroa, na que colaborou o grupo Arco-Vento. A esta celebración relixiosa hai que engadir tamén as misas do Xoves Santo, Corpus e da Patrona que son compromisos fixos da coral dende hai moitos anos. Hai que sinalar que o día da Patrona estreouse a obra “Te Deum”, pertencente á película “La misión”.
O ano rematou co XIV Festival de Panxoliñas, na Igrexa Parroquial, no que ó Coro Sgdo. Corazón e á nosa coral uniuse a Coral do Hospital Xeral-Calde, que fixeron, cos seus cantos, máis presente o Nadal. Neste concerto estreáronse as obras “Navidad” de Leopoldo González e “Cantémoslle ó Neno”de Eli García-Bouso, e rematou coa interpretación conxunta dos coros ribadenses do famoso vilancico “El Tamborilero”, acompañado de percusión e piano (coa pianista Carmen Älvarez que acompaña asiduamente á coral).
A Coral agradece, unha vez máis, o apoio de tódalas persoas que seguen o seu traballo, que os acompañan e os animan e valoran as súas desinteresadas colaboracións.

sábado, 3 de enero de 2009

Currículo



A Coral Polifónica de Ribadeo foi fundada en 1955, o que a converte na decana da provincia de Lugo. No ano 2005 a Polifónica de Ribadeo celebrou, polo tanto, o seu 50º aniversario. Isto deu motivo a que o Concello de Ribadeo, en setembro dese mesmo ano concedese á Coral a “Medalla de Ouro de Ribadeo”, que lle foi entregada nun Pleno Extraordinario celebrado o día 24 de novembro de 2006. Ademais, a Asociación de Radio e Televisión de Lugo concedeulle á Coral de Ribadeo, tamén no mes de setembro de 2005, o premio “Lucense do ano”, que lle foi entregado o día 18 de febreiro de 2006.
Desde o mesmo día da súa presentación estivo dirixida por D. Carlos Álvarez Fernández-Cid, ata 1984, ano do seu falecemento. A partir desa data a dirección atópase baixo a batuta de Dª María del Carmen Rodríguez Cancelo, mestra e profesora de piano titulada polo Real Conservatorio de Música de Madrid.

A Coral conta cun amplo repertorio no que se inclúen obras clásicas, relixiosas e populares, tanto españolas como doutros países, especialmente iberoamericanos. Na actualidade conta cunhas 50 voces mixtas que reflicten, polas súas idades, a tradición, o presente e o futuro.

A Polifónica de Ribadeo apadriñou ás corais lucenses de Viveiro e Sober nos seus concertos de presentación. Realizou actuacións en numerosas vilas e cidades de Galicia e Asturias, e tamén en Astorga (León), Algemesí (Valencia), San Sebastián, Barcelona, Sabadell, Jaén, Marbella, Laredo e Los Corrales de Buelna (Cantabria), Lisboa, Madrid, Valladolid, León, Santa María da Feira (Portugal), Logroño, así como grabacións para radio e televisión. Cabe destacar o concerto ofrecido o 24 de agosto de 2008 no Cantón dos Moreno, en Ribadeo, actuando co grupo vasco Tirri Tarra e a orquestra de corda Sotto Voce, con gran éxito de público e de crítica. Ten, así mesmo, unha cinta magnetofónica grabada en directo no ano 1995, na que se recolle o concerto conmemorativo do 40º aniversario. O 26 de decembro de 2002 presentou o seu primeiro disco compacto, titulado “nos mares da música”.

En diversas ocasións actuou conxuntamente con outras agrupacións instrumentais: Banda Sinfónica Municipal de Música, Grupo de Gaitas “Follas Novas”, Rondalla “Amigos de la Música”, Grupo de Percusión “Chequeré” e Grupo de Música de Cámara “Arco-Vento”, todas elas agrupacións musicais de Ribadeo, así como coa Orquesta de Acordeones “Amanecer”, de La Caridad (Asturias). É de destacar que habitualmente colabora coa Coral a pianista Carmen Álvarez Lebredo.

A Coral Polifónica de Ribadeo, uns humildes intermediarios entre o compositor e o público, dá vida, dentro da súa faceta de afeccionados, á linguaxe musical, co orgullo de saberse posuidora do máis fermoso, expresivo e cercano instrumento musical da natureza: a voz.